A USTG CONSEGUE QUE UNHA SENTENZA RECOÑEZA O DEREITO DOS TRABAJADRES E DAS TRABALLADORAS EN ACTIVO DE URBASER-FERROL A PROMOCIONAR PREFERENTEMENTE ANTES DE FACER NOVAS CONTRATACIÓNS OU RECORRER Á MOBILIDADE INTERNA.

A demanda presentada por Juan Carlos Prado en nome da Sección Sindical de USTG, perseguía a aplicación do convenio colectivo en relación á promoción interna, que a empresa viña incumprindo desde 1.999, coa aquiescencia da maioría sindical do Comité (UGT).

Na súa sentenza, o maxistrado recoñece o dereito a presentar demanda de Conflito Colectivo á Sección Sindical da USTG e dános a razón  declarando "o dereito dos traballadores a poder promocionar de acordo co establecido no Art. 8 do Convenio Colectivo, condenando á empresa a estar e pasar por esta declaración así como á convocatoria das correspondentes probas selectivas".

     Para a Sección Sindical de USTG, esta sentenza, que se vén unir ao xa conseguido en relación á conversión dos contratos eventuais en fixos, constitúe unha reafirmación do noso traballo sindical, tanto no que se refire á consecución de obxectivos reais e efectivos para os traballadores, como á forma de conseguilo sen enganos ou prexuízos  para o conxunto do persoal.
    A Sección Sindical de USTG valoramos como moi positiva esta sentenza e emprazamos á dirección da empresa a que a aplique de inmediato e non a recorra, pois o único que podería conseguir é un atraso, pero non a súa aplicación efectiva, dada a contundencia desta sentenza.  

Ferrol 12 de decembro 2011
 

Para o Comité Nacional da USTG, o Real Decreto-Lei da reforma da negociación colectiva aprobado polo Consello de Ministros, supón un novo recorte dos dereitos dos traballadores e un paso atrás na regulación das relacións laborais que traerá a súa precarización, do mesmo xeito que a chamada fexibilización da contratación laboral (xeneralización da eventualidade) supuxo a precarización do emprego.

En lugar de estruturar e articular a negociación colectiva, definindo e relacionando ámbitos e contidos, para garantir o respecto dunhas mínimas condicións laborais, óptase pola lei da xungla para que cada empresa faga o que queira, o que traerá consigo a degradación das condicións laborais dos traballadores, a competencia desleal entre as empresas e a perda da calidade e polo tanto da competitividade dos servizos, industrias e sectores.

Realmente en lugar dunha simple reforma da negociación colectiva trátase da Reforma Laboral de maior calado das que se fixeron ate o de agora, pois a prioridade do convenio de empresa e os contidos sobre o convenio sectorial, fan papel mollado das leis en temas tan importantes como o salario e a xornada. Así mesmo a famosa ultra-actividade, que garantía os dereitos que tiñamos consolidados nos convenios, queda a expensas do que decida un árbitro ó remate do prazo máximo de vixencia.

Para o Comité Nacional da USTG, deste xeito se fai recaer, unha vez mais, nos traballadores e nas traballadoras, a maior parte do custe da crise, mentres que os causantes dela non asumen a mais mínima responsabilidade. Esta é a consecuencia de gobernar ao toque de pito dos chamados “mercados” en lugar de atender ós problemas reais dos cidadáns e cidadás, culpando os salarios e os dereitos laborais da crise e xa que logo pensar que, recortando ámbolos dous, xerarase emprego. 

Deste falso razoamento despréndense as negativas consecuencias desta reforma que non vai xerar máis emprego nin máis produtividade no mercado de traballo, antes ben, a flexibilidade da que fala o decreto suporá na práctica aínda máis precariedade.

Para o Comité Nacional da USTG, a responsabilidade desta desfeita é, fundamentalmente dos sindicatos oficiais que deixaron pasar o tempo para xustificarse, votarlle a culpa á Patronal e deixarlle facer ó goberno. Cumpre pois xa que logo, defender coa mobilización dos traballadores, convenio a convenio, as conquistas que se nos recortan e recuperar a xenuína Acción Sindical utilizando o binomio presión-negociación á hora de enfrontarnos coa patronal na negociación dos convenios.

Galicia, 14 de Xuño de 2011

 

 

O cabeza de lista da USTG ás eleccións sindicais do Concello de Ares que se celebrarán o próximo día 12 de maio, presentou unha denuncia penal por acoso contra o alcalde e outros responsables de persoal do Concello.
A denuncia nos xulgados de Ferrol preséntase despois de que outra anterior ante o xulgado do social producira unha sentenza a favor do traballador, que a día de hoxe sigue sen se aplicar.
Esta denuncia vense sumar ás continuas que se veñen producindo, tanto á Inspección de Traballo como ante os Xulgados do Social, desde que se constituíu o actual goberno municipal despois das eleccións do 2007 e que na súa abrumadora maioría veñen condenando ao Concello.
Así foi a sentenza que impediu o intento de suprimir a funcionarización que se levou a cabo por parte do persoal administrativo en base aos acordos do Convenio Colectivo; Ou a referida ás traballadoras de Axuda domiciliaria que supuxo que o Concello tivese que pagar mais de nove mil euros a cada traballadora,entre outras.
O denunciante, que é Capataz de obras, refire feitos que se veñen producindo desde ai mais de tres anos e que se agudizaron a raiz de ser nomeado Delegado da Sección Sindical da USTG no Concello.
O acoso psicolóxico e a presión contra este traballador concrétase en ordenarlle realizar funcións de inferior categoría e asignarlle traballos sen ningún valor ou utilidade, póndoo ás ordes dun denominado "coordinador" nomeado polo alcalde, que na práctica fai as tarefas de capataz que lle corresponden ao denunciante, usurpación que xa o Xulgado do Social declarou ilegal.


Páxina oficial da U.S.T.G (Unión sindical de traballadores de Galicia). Entra e coñécenos.